martes, 31 de mayo de 2011

A fame esténdese a causa dun sistema alimentario errado e dos efectos do cambio climático

Un sistema alimentario mundial en crise e os efectos do cambio climático están botando por terra décadas de avance na loita contra o fame, segundo o informe que Intermón Oxfam fixo público. India e Guatemala son exemplos de países ricos en recursos e con índices de desnutrición alarmantes. A escalada do prezo dos alimentos e as crises alimentarias que se suceden arrastrarán á fame a millóns de persoas a non ser que transformemos a producción e o reparto dos alimentos.

O informe "Cultivar un futuro mellor" sinala que crece a poboación que sofre fame, baixa o rendemento das colleitas, lóitase pola terra fértil e a auga e, nos próximos anos, seguirá a alza dos prezos dos alimentos. Entramos nun esgotamento dos recursos naturais da terra onde os impactos do cambio climático crecen en número e en intensidade: o prezo dos alimentos básicos como o millo, xa hoxe no seu punto máis alto, aumentará máis do dobre nos próximos 20 anos (a metade deste aumento deberase ao cambio climático). A taxa de crecemento media no rendemento das colleitas reduciuse a case a metade desde 1990 e está previsto que se reduza a menos do un por cento na próxima década. Teñamos en conta que:
  •  Os máis afectados serán as persoas máis pobres do planeta, que gastan ata o 80% dos seus ingresos en comida.
  •  Oito millóns de persoas, a gran maioría mulleres e nenos, enfróntanse á escaseza crónica de alimentos no Leste de África. 
  • O aumento das crises rexionais e locais podería significar que as peticións de axuda alimentaria nos próximos 10 anos multiplicásense por dous.
  • Cara ao ano 2050 a demanda de alimentos incrementarase nun 70%, e con todo a capacidade para incrementar a produción de alimentos está en descenso. 

(C) PabloTosco/Intermón Oxfam

CRECE, a campaña de Oxfam, quere pór ao descuberto aqueles gobernos cuxas políticas equivocadas están sostendo este sistema alimentario roto e tamén porá ao descuberto a entre 300 e 500 compañías que se benefician da situación e fan presión política para manter o status quo. Por exemplo: catro compañías controlan a comercialización da maioría dos alimentos no mundo. Tres delas -Archer Daniels Midland, Bunge e Cargill- controlan aproximadamente o 90 % do comercio mundial. As súas actividades contribúen á volatilidade dos prezos dos alimentos e iso benefíciaos. Durante o primeiro trimestre do 2008, no apoxeo dunha crise global de prezos de alimentos, as ganancias de Cargill aumentaron nun 86 por cento e a compañía vai agora camiño de conseguir o seu ano máis rendible en base ás futuras interrupcións na subministración mundial de alimentos.

En Guatemala, un de cada dous nenos menores de cinco anos sofre desnutrición crónica (cifra que se eleva ao 70% entre os nenos e nenas indíxenas) mentres o 80% da terra produtiva está en mans do 8% -unha elite minúscula que se enriquece con cultivos para a exportación.
India, a pesar de duplicar o tamaño da súa economía entre 1990 e 2005, incrementou o número de xente famenta ata 65 millóns (máis da poboación de Francia) porque o seu desenvolvemento excluíu a pobreza rural e os esquemas de protección social fallaron. Hoxe, unha de cada catro persoas famentas do mundo vive na India.
As políticas de biocombustibles de Estados Unidos fixeron que case o 40 % da súa produción de millo en 2010 fóra a parar a motores sen ter en conta que o gran necesario para encher con biocombustibles o tanque de gasolina dun todoterreo é suficiente para alimentar unha persoa durante un ano.
Oxfam está facendo un chamamento aos gobernos, especialmente ao G20, para liderar a transformación cara a un sistema alimentario máis xusto e máis sostible:
- Teñen que invertir en agricultura, valorar os recursos naturais do mundo e xestionar mellor o sistema alimentario. 
- Deben garantir ademais que as mulleres, que producen a maioría dos alimentos do mundo, teñan os mesmos dereitos sobre a terra, os mesmos recursos e as mesmas oportunidades que os homes. 
- É necesario que o sector privado cambie o modelo de negocios cara un onde as ganancias non se consigan a expensas dos produtores pobres, dos consumidores e do medio ambiente. 
- Os gobernos deben regular os mercados das materias primas e deben reformar as políticas defectuosas de biocombustibles para manter o prezo dos alimentos baixo control.

CRECE, a campaña de Oxfam, conta co apoio de personalidades como o ex presidente Lula de Brasil, o arcebispo emérito Desmond Tutu e a actriz Scarlett Johansson.

No hay comentarios:

Publicar un comentario