viernes, 24 de junio de 2011

O San Xoan solidario recada 8.000 euros para Tanzania

Enchemos o Campo de Marte; eramos máis de 45 voluntarios pero a xente que veu moita máis: 2.500 persoas!!! Grazas a todos por axudarnos e compartir esta pasada noite connosco. A Sardiñada Solidaria repartiu toda a cervexa, as sardiñas e a empanada e a xente desbordounos favorablemente: case 500 quilos de sardiñas xigantes e 120 racións de empanada enormes. No noso facebook podedes ver máis fotos.

Recadamos 8.000 euros que nos permiten asegurar a alimentación e as capacidades produtivas e asociativas da poboación de Tanzania. Así poderán dispor de alimentos todo o ano e xerar ingresos de forma estable tal coma vistes nas pantallas xigantes. Grazas aos asistentes e grazas ás organizacións e empresas que participación: Concello da Coruña, Nova Caixa Galicia, Boketé, Super Bock, Gadisa, Frigoríficos de Ribeira, Mi Bicho, Martipán, Superpapelería, Valsay así como o bo facer dos parrilleiros.

Todos vós facédelo posible.

domingo, 19 de junio de 2011

O día de San Xoán, sardiñada de Intermón Oxfam

Intermón Oxfam volve a organizar a Sardiñada de San Xoán no Campo de Marte este xoves 23 para gozar dunha tarde-noite solidaria por terceiro ano consecutivo. Voluntarios e voluntarias de Intermón Oxfam encherán o Campo de Marte xunto aos Parrilleiros, dende as 20 horas repartindo  comida e a bebida e informando acerca da problemática de Tanzania para achegar un momento de reflexión.

Polo prezo de 5 euros, degustaranse sardiñas, pan e bebida ou, por 3 euros, empanada e bebida. Nesta festa usaremos pratos, vasos e bolsas reciclables que promoven o consumo responsábel e non xeran residuos contaminantes. Ademais, con cada ración, entregamos unha papeleta para unha rifa solidaria na que, entre outros premios, poderase gañar unha noite gratis na Casa de Turismo Rural A Laxe.

sábado, 11 de junio de 2011

O Festival Actúa premia aos seus vencedores

“La broma infinita” de David Muñoz ,“(En)terrados” de Álex Lora e “El Acuario” de Carlos Bouvier foron galardoados cos premios ao Mellor Curto Documental , Mellor Curto de Ficción e Premio do Público, respectivamente, no VI Festival Internacional de Curtos Actúa, organizado por Intermón Oxfam.

A actual crise económica que está sumindo na pobreza a millóns de persoas tanto aquí como no resto do mundo, foi o fío condutor desta edición, que levou por título “Crise: vítimas e culpables”. Nesta edición os curtos exhibidos souberon mostrar de xeito maxistral outros ángulos desta crise, apelando, co gran potencial que ten o cine, á reflexión construtiva e á procura de solucións. O xurado, composto nesta edición polo produtor Pedro Uriol, o director de cine Chema da Pena e a actriz e guionista María Reyes Arias, quixo recoñecer o xeito excepcional coa que mostrou David Muñoz a frustración e o desconcerto ante a crise que padecen millóns de persoas en todo o planeta. 

Do mesma xeito, distinguiuse o traballo de Álex Lora “polo seu compromiso e por reflectir unha problemática actual con contundencia e con sensibilidade”. O xurado, ademais, quixo facer unha mención especial ao curto documental Odysseus' Gambit, tamén de Álex Lora, por “ir máis aló das orixes de cada drama persoal. A historia é unha denuncia do actual sistema que non protexe aos máis vulnerables, e é un canto, brillante e emotivo á solidariedade dos cidadáns anónimos”. O festival seguiu fiel ao seu obxectivo de promover a reflexión entre os espectadores e as espectadoras e de facer unha chamada á mobilización. Por este motivo, como en anteriores edicións, concedeuse o Premio do Público, que recaeu no traballo de Carlos Bouvier, froito das votacións dos e as asistentes ás distintas proxeccións e do voto online, que se puido realizar desde calquera parte do mundo a través da web do festival www.intermonoxfam.org/cortosactua. Estes tres realizadores, que recibiron os galardóns da man dos actores e as actrices, Carlos Olalla, Amparo Climent, Carles Francino e Carmen Mangue, únense aos máis de 134, de 14 países, que quixeron facer chegar ao certame a súa particular visión da crise económica. Nesta edición seleccionáronse 10 cintas finalistas -seis de ficción e catro documentais-, que se proxectaron en salas da Coruña, Barcelona, Bilbao, Guadalaxara, Las Palmas de Gran Canaria, Logroño, Pamplona, Sevilla, Toledo, Valencia, Zaragoza e Madrid, desde o 31 de maio ata o 9 de xuño. 

Como nas edicións anteriores, Canon patrocinou o certame e achegou os premios aos gañadores. Esta sexta edición contou, ademais, co financiamento da Unión Europea. Unha solución de financiamento ao desenvolvemento: unha taxa xusta e enlaza coa campaña “Obxectivo Robin Hood: que non paguen os de sempre” (www.quenopaguenlosdesiempre.org), que insta á cidadanía e ao Goberno a porse ao lado das vítimas e non dos culpables. 

lunes, 6 de junio de 2011

Mira a realidade económica e ACTÚA este 8 e 9 de xuño

Os días 8 e 9 de xuño proxéctanse de balde os 10 curtos finalistas da sexta edición do Festival Actúa na Sala de Prensa da Fundación Caixa Galicia (Cantón grande 21-24). O fío conductor é a actual crise económica que está sumindo na pobreza a millóns de persoas tanto en España como no resto do mundo. "Crise: vítimas e culpables” reúne a realizadores de 14 países e 137 curtos, dos cales seleccionáronse 10 traballos finalistas (seis de ficción e catro documentais)que se proxectan por toda España ata 10 de xuño (Barcelona, Bilbao, Guadalaxara, Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Sevilla, Toledo, Valencia e Zaragoza). Seguirase concedendo o Premio do Público, resultado das votacións dos asistentes ás proxeccións e do voto online, que se poderá realizar desde calquera parte do mundo a través da web do festival www.intermonoxfam.org/cortosactua amais de ver o programa deste mércores e xoves.
 
Os espectadores e espectadoras tamén poderán ACTUAR asinando en apoio á Taxa Robin Hood para que non paguen os de sempre, eses máis de 1.000 millóns de persoas que están sumidos na pobreza tanto aquí como no resto do mundo. A resposta máis intelixente á crise é a protección dos que máis a están sufrindo.e por iso se insta á cidadanía e ao Goberno a porse ao lado das vítimas e non dos culpables (www.quenopaguenlosdesiempre.org). 

Hai que recordar que en só nuns meses, os países máis ricos destinaron 18 billóns de dólares en salvar aos seus bancos, cifra 120 veces maior que a que os países deberían achegar anualmente para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Tendo en conta que o 80% das transaccións financeiras internacionais son esencialmente especulativas, desde Intermón Oxfam pídese a implantación dun imposto a este tipo de transaccións de tan só un 0,05%, o que permitiría recadar máis de 300.000 millóns de euros anuais.

Para votar os curtos:
www.intermonoxfam.org/cortosactua.
Facebook de entidades e amigos da Taxa Robin Hood: www.facebook.com/tasarobinhood.