viernes, 13 de enero de 2012

Chegan as rebaixas... tamén ao Comercio Xusto

Primeiro, o máis importante: FELIZ 2012 A TODOS! Dende o equipo de Intermón Oxfam da Coruña desexámosvos un ano cheo de cousas boas e de solidariedade! :)

En segundo lugar, queremos comunicarvos que as rebaixas tamén chegaron ás 38 tendas de Comercio Xusto de Intermón Oxfam, e como non, tamén á de San Andrés. 

Alí poderedes atopar moitos productos rebaixados do 20 ao 50%, como xogos, marcos de fotos ou panos de varias cores e estilos. Todos eles, por suposto, realizados dun xeito respectuoso co medio ambiente e fabricados a man por familias artesás para as que o Comercio Xusto significa un medio de vida sostible.

As tendas de Comercio Xusto teñen ademais un valor engadido, xa que non son unicamente tendas onde mercar cousas: son tamén lugares de encontro onde coñecer outras culturas, reflexionar sobre os límites do sistema de consumo actual e practicar un consumo responsable. 

O Comercio Xusto é unha maneira diferente de producir, de intercambiar e consumir que considera os dereitos das persoas e o respecto ao medio ambiente antes que os beneficios económicos. Baséase na confianza, na transparencia e na relación directa entre familias productoras de África, América Latina e Asia e familias consumidoras nos países desenvolvidos, permitindo que dende os mesmos se coñeza mellor a realidade dos países do Sur. O Comercio Xusto é unha ponte real entre pobos.

Así pois, agardámosvos en San Andrés :)